A décima entrevistada da quinta tempada é Elisabeth Matute.
Naceu en Honduras e leva xa máis de catro décadas vivindo na Galiza. Daquela, cando chegou, non existía a lei de estranxeiría e nestes lares a súa presenza causaba estrañeza.
Elisabeth participa en SINTRAHOCU, sindicato de traballadoras do fogar e os coidados, que naceu hai catro anos en momentos de pandemia. Xurdiu para artellar respostas, desde as propias implicadas, fronte á desprotección que padecían as traballadoras dun sector esencial para a vida. SINTRAHOCU é un sindicato no que se organizan traballadoras do fogar, na súa maioría procedentes de diferentes países do continente americano. Alí autorganízanse, aprenden e comparten coñecementos na defensa dos seus dereitos. É tamén un espazo de encontro e apoio mutuo, que lles ofrece seguridade para afrontar moitas das dificultades ás que se enfrontan: atrancos para se empadroar, problemas para acceder a unha vivenda… en definitiva, para poder vivir con dignidade.
Fan política tecendo relacións con outras e dándolle valor ao comunitario, algo fundamental para mulleres que desempeñan tarefas illadas e en solitario, o que demasiadas veces repercute no seu estado emocional.
É unha sorte contar con persoas e movementos que contribúen a mellorar as nosas sociedades. Para botar o peche escoitamos a Roberto Carlos cantando «Yo solo quiero (un millón de amigos)».
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.