5×8 #RadioManoplas: Mar Cendón
A oitava entrevistada da quinta tempada é Mar Cendón.
Mar viviu en Candeán, pero fixo a maior parte da súa infancia en Covelo. Durante anos tivo claro o seu interese polo Dereito, mais finalmente estudou Ciencias Políticas en Compostela, formación regrada que logo completou cun mestrado en Estudos de Xénero.
O seu interese polo feminismo levouna a implicarse nos feminismos autónomos alí adquiriu moitos aprendizaxes nuns espazos onde “os coidados estaban no centro de toda a organización e tamén o disfrute”.
Fixo “callo” en diferentes traballos precarios —como teleoperadora ou realizando enquisas— antes de dedicarse durante anos á formación no ámbito da igualdade. Nese eido destaca o proxecto que, xunto a Mari Fidalgo e María Rosendo, a levou a impartir ducias de obradoiros orientados a transformar as relacións e os coidados nos grupos.
O seu percorrido profesional continuou no CIM de Ponteareas, traballando con mulleres vítimas de violencia machista. Alí experimentou de primeira man a escaseza de recursos e aprendeu a superar prexuízos sobre as vítimas. Na actualidade traballa como técnica de igualdade na UVigo. Ao fío de “Homes de coidado”, xornal publicado pola Unidade de Igualdade da UVigo, falamos sobre “novas masculinidades” ou masculinidades disidentes, coidadosas e antipatriarcais. Neste terreo Mar atopa interese en “como aplicar a perspectiva dos coidados e da masculinidade como unha forma prevención da violencia e das prácticas desiguais”.
No podcast “A resistencia do dedo medio”, que co-creou coa súa querida Eva, xuntou dous dos seus intereses: os feminismos e a música. Pechamos resaltando a súa vena artística e coñecendo a persoas que, para Mar, foron fonte de inspiración ao longo da súa vida. Despedímonos coa súa recomendación musical: “French Disko” de Stereolab.
Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en IVOOX, SPOTIFY, ARCHIVE e PODGALEGO.
Comentarios

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209

