Accións comunitarias
O que sabemos, queremos compartilo. Argallamos esta proposta que nace ao abeiro da asociación Espazo Alicerces, como evolución natural dun camiño percorrido arredor da radio como ferramenta educativa, comunitaria e transformadora.
Susténtase na experiencia acumulada co podcast Radio Manoplas, nas formacións impartidas a equipos docentes e no traballo desenvolvido en contextos sociais diversos.
En diferentes experiencias fomos constatando o potencial da radio como canle para activar vínculos, dar voz a quen non sempre é escoitada, fortalecer procesos comunitarios e fomentar a participación social. Esta iniciativa é unha resposta a ese potencial: unha aposta pola radio ao servizo das persoas, da transformación social e dos coidados.
Ofrecemos a nosa experiencia e coñecemento en formatos como:
- Obradoiros de radio: con duración flexible segundo as necesidades de cada grupo, nos que as participantes aprenderan a manexar os distintos trebellos necesarios para facer radio e crear podcasts, poñendo a técnica ao servizo das persoas e prestando especial atención ás voces e realidades habitualmente invisibilizadas. Un espazo destinado a favorecer a expresión colectiva, impulsar o recoñecemento mutuo e fortalecer os vínculos sociais construídos desde abaixo, coidando a diversidade e promovendo a inclusión a través da palabra compartida.
- Territorios que falan: espazo para explorar, compartir e rexistrar a memoria colectiva por medio de roteiros, relatos e/ou mapexos. Percorremos a contorna coas ferramentas da radio e da observación activa para construír, de forma colaborativa, un mapa vivo do territorio: unha cartografía chea de voces, lembranzas e significados.


Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209

