CATEGORIA
Calendario 03/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 1: Loitas veciñais

Liña vermella: 01 | LOITAS VECIÑAIS (Cortes na Florida – Rotonda de Castelao)

As loitas veciñais son unha parte esencial da identidade de Coia. Dende as primeiras mobilizacións pola seguridade viaria até as reclamacións por espazos verdes, culturais e sociais, a veciñanza demostrou unha forza colectiva que transformou o barrio. Cada unha destas paradas lembra momentos nos que a xente falou, organizouse e fixo visible que vivir con dignidade cómpre defendelo dende abaixo.

_1.1 Cortes de tráfico na Florida: un barrio cheo de xente e de edificios e sen uns mínimos para a vida: sumidoiros, alumeado, tendas, escolas,… e tampouco semáforos. Nos anos 80 a morte por atropelo dun neno no cruce da rúa Tui con Florida fixo ferver á veciñanza que organizou cortes de tráfico esixindo seguridade viaria.

_1.2 Centro Cultural: a falta de dotacións culturais é unha das grandes eivas do barrio, e a veciñanza loitou por un Centro Cultural que xa ten localización e proxecto. Décadas despois, seguimos agardando a que o Colexio Alemán sexa reconstruído na Bouza.

_1.3 A Bouza: o activo movemento veciñal artellado arredor da parroquia do Cristo da Vitoria, co berro “A Bouza é nosa”, loitou por un barrio máis humano. Esta loita tivo como resultado este parque, situado nun espazo inicialmente destinado a máis especulación inmobiliaria no barrio.

_1.4 Caza de ratas na Praza do Pobo: as loitas veciñais de Coia sempre tiveron un carácter lúdico e festivo. Un exemplo son as cazas de ratas que se organizaban para evidenciar os problemas nas deficientes redes de sumidoiros, ou a botadura dun veleiro para denunciar as continúas inundacións no que hoxe é a Praza do Pobo.

_1.5 Oficina Dereitos Sociais – Coia: punto de información sobre dereitos sociais. En activo entre 2007 e 2023, foi un espazo de intercambio e difusión de información alternativa sobre axudas sociais. A ODS-Coia visibilizou e denunciou o proceso de empobrecemento das periferias urbanas, ao tempo que artellou respostas comunitarias en defensa dunha vida digna para todas as persoas.

_1.6 A rotonda de Castelao: “Non pode ser, o barco na rotonda e as familias sen comer”, outro lema xa integrado no inconsciente colectivo de Coia. Dito lema resume a loita de parte da veciñanza do barrio e da cidade, quen en 2016 opúxose á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda de Castelao. Tamén quedará no imaxinario común a desproporcionada actuación policial fronte a unha veciñanza que se pronunciou sobre o modelo de cidade que desexaba.

mapa de coia

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209