CATEGORIA
Calendario 12/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 10: Deportes

Liña rosa: 10 | DEPORTES (Campo Rojo – Campo de Coia)

O deporte forma parte esencial da identidade de Coia, tanto nos seus equipamentos formais como nos máis improvisados. Antes mesmo de ter grandes instalacións, o barrio acolleu os partidos do Celta no antigo campo de Coia. Co paso dos anos clubs veciñais, asociacións e iniciativas comunitarias fixeron do deporte unha ferramenta de cohesión, prevención e convivencia. Dende a petanca até o baloncesto, dende as canchas improvisadas até os novas instalacións, Coia medrou vencellada ao pracer de xogar, competir e atoparse. Este percorrido recolle algúns dos lugares que amosan como o deporte foi —e segue a ser— un elemento central da vida social do barrio.

_10.1 Campo Rojo: na rúa Marín temos o Campo Rojo, no que mesmo podes pillar uns canutos como xuntarte cos colegas para xogar un partidiño. Nos oitenta era unha zona sinalada pola droga.

_10.2 Campo da Patata: a urbanización da zona da Miñoca carrexou varias novas dotacións deportivas, como as instalacións de Máis que Auga. Ao marxe do deporte regulamentado, a rapazada xuntouse na pista de futbito do Campo da Patata para aprender o que non ensinan na academia.

_10.3 Petanca: deporte cunha clara relevancia social, en especial entre a xente maior, que arraigou no barrio polas súas características: xogo relativamente sinxelo, barato, que se desenvolve ao aire libre en campos abertos. Na actualidade contamos con varios clubs no barrio e diversas zonas habilitadas.

_10.4 Agrupación deportiva Seis do Nadal: nos anos 80, cando a droga máis golpeaba na rúa, da man da ANPA do colexio Seis do Nadal xurdiu unha iniciativa para dar alternativa de ocio á rapazada do barrio. O baloncesto e o balonmán foron os dous deportes polos que se apostou, tendo continuidade até o día de hoxe con preto de mil rapaces e rapazas entre os dous clubs.

_10.5 C.D. Coia: club decano do fútbol galego, foi fundado en 1911. Na actualidade xogan no campo da Bouza -compartido co Victoria, outro club do barrio-, pese a que nas súas orixes Os Invencibles xogaban no Berbés fronte os mariñeiros que chegaban de Inglaterra e Holanda.

_10.6 Campo de Coia: antes de que existira o Estadio Municipal de Balaídos, o Celta marcaba goles en Coia. Onde agora está o Lidl emprazábase o campo. En 1922 albergou unha final da Copa do Rei entre FC Barcelona e Real Unión de Irún.

mapa coia

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209