CATEGORIA
Calendario 05/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 3: Feminismos

Liña violeta: 03 | FEMINISMOS (Lavadoiros – Veciñas agora)

Nesta liña tomamos os lentes dos feminismos para ollar o barrio. Nos lavadoiros, as mulleres foron quen de tecer relacións e apoios, construíndo vínculos fronte ao masculino. Anos despois, mulleres do polígono continuaron estes lazos en movementos como a asociación de Mulleres Dorna e nas aulas de educación de adultas, que facilitaron a alfabetización e formación para moitas. No século XXI, iniciativas como o Comando Igualdade, nada no IES Alexandre Bóveda, traballan pola sensibilización en igualdade coa mocidade diversa. Aqueles primeiros pasos de saír da esfera privada para artellar respostas colectivas ás dificultades do día a día mantéñense hoxe, cando estas mulleres xa vellas sosteñen os coidados dende redes solidarias que fortalecen a comunidade. Así, mulleres de Coia construíron unha historia de autonomía e apoio mutuo, esencial para o tecido social do barrio e para sostemento da vida en contextos precarios.

_3.1 Lavadoiros: cando as casas non tiñan lavadoras, os lavadoiros era un espazo feminizado. Entre sabas e camisas as mulleres latricaban e creaban vínculos que hoxe denominaríamos sororidade. Temos seis lavadoiros públicos nos límites da Coia tradicional que foron testemuño de miles de historias.

_3.2 Asociación de Mulleres Dorna: dende o ano 1977 as mulleres de Coia, moitas chegadas das aldeas, crearon un espazo onde atoparse e compartir. En Dorna abrían un paréntese dentro das súas ocupacións cotiás: alí formábanse, viaxaban, celebraban xuntas, con ou sen permiso dos homes. Estiveron en moitas movidas, sempre procurando melloras para as condicións de vida das mulleres.

_3.3 Educación de adultas: no baixos da parroquia do Cristo da Vitoria moitas mulleres chegadas de contextos moi humildes lograron formarse. Unha xeración que foi privada de oportunidades no sistema educativo atopou en Carmen e noutros docentes unha vía para alfabetizarse e/ou obter o Graduado Escolar. Malia non ser un espazo só para mulleres, a elevada porcentaxe destas constituía un indicador sociolóxico de gran valor: con menos formación que os homes, máis ganas de socializar, menos vergoña…

_3.4 Comando Igualdade: iniciativa dun grupo de alumnado e profesorado do IES Alexandre Bóveda que ten por obxectivo sensibilizar a mocidade ao redor da igualdade real entre mulleres e homes. Pioneiras á hora de concienciar á rapazada sobre os feminismos en centros educativos.

_3.5 Veciñas antes: pechadas na esfera privada mentres os seus homes accedían a espazos públicos (aínda que maioritariamente laborais), tiveron a lucidez de buscar respostas colectivas ás problemáticas do cotián: dende ter que ir ás Travesas a facer a compra (non había establecementos no barrio) até seren as primeiras en decatarse de que algo estaba a pasar cos seus fillos coa chegada da heroína.

_3.6 Veciñas agora: Coia é un barrio avellentado que amosa como son resoltos os coidados da vellez na nosa sociedade. Ante a inacción das administracións, o mercado e as familias sosteñen esta tarefa. Sexan asalariadas precarias ou familiares, as coidadoras son mulleres. Namentres, as veciñas que levan décadas coidando, xa vellas, saen de paseo e tecen redes de coidado entre elas.

mapa de coia feminismos

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209