CATEGORIA
Calendario 07/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 5: Patrimonio cultural

Liña verde escuro: 05 | PATRIMONIO CULTURAL (Peto das Ánimas – Lavadoiro Fonte de Barros)

O patrimonio cultural de Coia constrúese a partir de pegadas pequenas e significativas que contan historias do barrio e dos seus habitantes. Entre petos, castros, cruceiros ou lavadoiros atopamos vestixios dun pasado que segue presente, ás veces agochado baixo o cemento, outras gardado na memoria colectiva. Esta liña convida a redescubrir espazos que falan das orixes, das festas e das transformacións que deron forma ao Coia de hoxe.

_5.1 Peto das Ánimas: na rúa Ánimas, nunha das fachadas da Sala Ártika, consérvanse dous esmoleiros, un adicado á Virxe do Carme e outro ao Perpetúo Socorro. O conxunto está danado por unha máquina expendedora e por un graffiti.

_5.2 Castro-Castriño: castro da Idade de Ferro, habitado entre o IV a.C. e o II a.C. Poboado de pequenas dimensións (calcúlase unha superficie de media hectárea) no que hai evidencias de intercambios comerciais co mundo púnico.

_5.3 Estela funeraria medieval: aínda que na actualidade está integrada nunha vivenda, orixinalmente formaría parte dunha necrópole medieval que se localizaría na contorna da actual igrexa de San Martiño de Coia.

_5.4 O Torreiro: veciñas coma Pura lembran as festas que se facían no Torreiro. Música e baile creaban o contexto idóneo para mocear. O Torreiro estaría na rúa O Grove, entre Alcampo e o parque infantil.

_5.5 Cruceiro: a veciñanza da Coia tradicional lembra o emprazamento do cruceiro, próximo ao Chamorro (aproximadamente diante do CEIP Illas Cíes) e hoxe situado na fachada da igrexa de San Martiño de Coia. A chegada do polígono levou por diante carreiros e abriu rúas e avenidas, desvirtuando a súa función primixenia.

_5.6 Lavadoiro de Fonte de Barros: un dos moitos lavadoiros do barrio, situado na contorna do Campo Rojo. Nas últimas décadas mudou o seu uso, pasando a ser un lugar de reunión da rapazada ou acubillo para o consumo de drogas.

mapa 5 patrimonio cultural coia

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209