#MapadeCoia Liña 6: Toponimia
Liña amarela: 06 | TOPONIMIA (Coia – Lagares)
A toponimia fala das nosas orixes e da nosa historia. Co desenvolvemento do polígono, abriron rúas, construíronse edificios e apareceron novos equipamentos que borraron as antigas formas de vida. Estas transformacións levaron tamén ao cambio dos nomes dos lugares, xa que as novas rúas do barrio adoptaron os nomes de municipios da provincia de Pontevedra, esquecendo as denominacións tradicionais. Con esta liña queremos recuperar esas palabras que falan da identidade de Coia e que conectan o presente co seu pasado, especialmente grazas ao traballo de documentación realizado por Iván Sestay.
_6.1 Coia: o topónimo parece que ten semellanza formal e morfolóxica coa forma galega coio (pedra, pelouro), pero hai indicios dabondo para crer que a nosa Coia sexa un derivado prerromano dunha moi común raíz indoeuropea co significado de “concavidade, val, fondón, sitio recollido ou protexido”.
_6.2 A Cerca: o topónimo fala do territorio que coñecemos como o parque da Bouza. Descoñecemos as razóns do mal uso deste topónimo, xa que A Bouza é un lugar do veciño Santo André de Comesaña. Cerca é o termo que fai referencia ao peche dun terreo.
_6.3 O Resío: dende hai xa máis de cen anos o nome aparece sempre escrito como Rocío, por unha mala interpretación: é unha deformación popular de Resío. Resío é un vella palabra galega co significado de sobrante ou sobexo dunha terra que queda ao longo do muro. Lonxe dun topónimo de carácter relixioso estamos ante unha palabra de orixe labrega.
_6.4 Tellada: a praza da Tellada está onde o Máis que auga. Nomease así tras a recuperación do antigo topónimo que fala dunha zona onde había varias fábricas de tella. Sería unha das varias industrias tradicionais que existiron na vella Coia.
_6.5 As Travesas: un topónimo máis antigo do que imaxinamos, xa que aparece en documentación do século XVI. Faría referencia a fincas dispostas dun xeito transversal, así que o lugar sería As (Leiras) Travesas, ou sexa, as leiras atravesadas, postas do través.
_6.6 Lagares: tradicionalmente os ríos carecían dunha denominación unitaria para todo o seu curso: tomaban o nome do territorio polo que descorrían. O río que noutros puntos tiña outros nomes (río Sárdoma en Freixeiro e Sárdoma, río da Foz en Coruxo,…), en Coia chamábase Lagares. Esta será a forma unificadora que podemos atopar na actualidade.


Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209

