#MapadeCoia Liña 7: Patrimonio natural
Liña verde claro: 07 | PATRIMONIO NATURAL (Areal de Coia – Mona da Florida)
Pouca xente sabe que a vella parroquia labrega que precedeu ao barrio chegaba ao mar. Baixo o asfalto e as fábricas agóchanse areais, ríos e leiras que explican outro xeito de habitar o territorio. Este percorrido propón recoñecer esas pegadas da natureza que resisten nunha contorna moi urbanizada e lembrar que, na vida anterior ao polígono, os usos da terra e a presenza dos animais, vistos dende o presente, poden resultar alleos ou mesmo estraños.
_7.1 Areal de Coia: dende onde hoxe está o Auditorio Mar de Vigo até Bouzas estendíase o Areal de Coia. Desapareceu durante o século XX polo desenvolvemento da industria asociada ao mar.
_7.2 Sobreira: na rúa O Grove, no medio da calzada, resiste unha sobreira onde antigamente estaba O Torreiro de Coia. Pese a ser característicos da paisaxe vexetal mediterránea, na Galicia rural non é raro atopar pequenos sobreirais asociados ás economías domésticas: tapóns para o viño, colmeas, boias para pesca…
_7.3 Parque A Bouza: un espazo no que conflúen diversas formacións vexetais: unha zona húmida, un área de repoboación de eucaliptos, unha pequena carballeira e un parque urbano con especies alóctonas decorativas, este último deseñado por Francisco Sales. Un refuxio para familias, aves e especies diversas.
_7.4 Camiño Figueirido: libre do cemento e dos grandes torres en Coia aínda temos anacos da vella parroquia: casas baixas, leiras, hortas, animais… En territorios coma este podemos ter pistas de como terían que ser as cidades do futuro.
_7.5 Río Lagares: marcaba o límite sur da Coia histórica. Hoxe en día podemos gozar deste espazo natural no que podemos atopar lontras, garzas, corvos mariños ou picapeixes, xunto con vexetación de ribeira.
_7.6 Mona da Florida: moi afastada da relación que hoxe temos cos animais, existiu na Avenida da Florida, ao lado da liña do tranvía, un pequeno zoo onde se podían observar pavos reais, patos, periquitos, ou incluso un lobo ou unha mona. Disque que o lobo era siareiro do Celta…


Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209

