CATEGORIA
Calendario 10/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 8: Educación

Liña laranxa: 08 | EDUCACIÓN (CEIP Escultor Acuña – CEIP Seis do Nadal)

Coia conta hoxe cunha chea de centros educativos, parte fundamental da vida do barrio, mais isto non foi sempre así. Quen deseñou a barriada esqueceu dotala dos servizos básicos para a vida da xente. Tratábase dunha zona altamente poboada, con parte da veciñanza en idade escolar, mais na que non se construíron escolas infantís, colexios nin institutos. As familias, moitas delas prematuramente privadas do dereito á formación, loitaron polas dotacións educativas que hoxe gozamos. Nesta escolma recollemos a historia de centros que simbolizan tanto a loita social como a aposta pola formación e inclusión.

_8.1 CEIP Escultor Acuña: o nome honra a José María Acuña López, escultor con discapacidade auditiva, e dá pistas sobre un dos trazos característicos do colexio: un centro de referencia para o alumnado xordo no que a materia de lingua de signos está dentro do horario semanal das crianzas.

_8.2 Colexio Don Bosco – Salesianas: a iniciativa benéfica da Caja de Ahorros de Vigo encargoulle a Pernas a construción dunha escola infantil en Coia —e outra na avenida de Madrid, no edificio que actualmente ocupa a Escola de Negocios—. Inspirado na arquitectura de Mies van der Rohe, Pernas deseñou un espazo organizado arredor dun patio no que había unha piscina que foi tapada posteriormente.

_8.3 CEIP Illas Cíes: o colexio máis antigo do barrio. En aplicación da Lei de Memoria Histórica, pasou a denominarse no ano 2009 CEIP Illas Cíes, deixando atrás o nome de Doctor Eijo Garay, arcebispo e defensor do réxime franquista.

_8.4 IES Alexandre Bóveda (Coia 2): creado hai máis de cinco décadas, nos anos 70 foi un foco de combatividade tanto de alumnado como de profesorado. Hai algúns anos, un grupo de docentes iniciaron o proxecto Roteiro por Coia co obxectivo de recompilar e dar a coñecer a historia do barrio por medio de paseos.

_8.5 Escola Infantil Rosalía de Castro: a demanda de equipamentos educativos foi un dos grandes eixos da loita do movemento veciñal dende os anos 70. A mediados dos 80 inaugúrase a Escola Pública Infantil Rosalía de Castro. Neste período, as crianzas tiveron a sorte de contar con educadores, en masculino. Manolo e Avelino eran homes nunha profesión aínda hoxe feminizada.

_8.6 CEIP Seis do Nadal: froito da mobilización de familiares de crianzas con discapacidade, en 1987 creáronse tres aulas de educación especial e integrouse alumnado con parálise cerebral, espina bífida e outras discapacidades nos grupos ordinarios do Seis do Nadal. Alén de ser un colexio pioneiro en integración educativa, a súa ANPA impulsou a Agrupación Deportiva Seis do Nadal.

mapa8 educación coia

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209