CATEGORIA
Calendario 20/11/2026
Tempada 6

6×13 #RadioManoplas: Sara Piñeiro Blanco

Pechamos a sexta tempada con Sara Piñeiro Blanco.

Esta viguesa lembra unha infancia moi conectada coa veciñanza e coas amizades, sempre desde moi cativa creando e coidando. Compaxinou os estudos universitarios co teatro, a danza e as curtametraxes, manténdose sempre moi vencellada á vida cultural e creativa.

Tras rematar Educación Social, continuou a súa formación nos eidos da violencia de xénero, a igualdade e a sexoloxía, tendo sempre presente a necesidade de reflexionar sobre o mellor xeito de acompañar. En 2025 comeza a traballar en Alborada, en concreto no programa Casandra, de prevención, detección e intervención integral da violencia de xénero.

Ao fío do seu traballo con mulleres, Sara fala da necesidade de tecer de comunidades e de convivir coas dificultades dunha intervención social que, en moitos casos, depende en exceso das subvencións e de dinámicas que obstaculizan tarefas xa de por si complexas.

Para rematar esta interesante conversa, Sara déixanos un tema cheo de bravura: “Canción Sin Miedo”, interpretado por Vivir Quintana e Mon Laferte.

Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en Ivoox, Spotify, Archive e Podgalego.

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209