CATEGORIA
Calendario 30/05/2026
Tempada 6

6×7 #RadioManoplas: Javier Erro

A sétima entrevistada da sexta tempada é Javier Erro.

Conversamos co psicólogo valenciano que estivo na III Feira do Libro Anarquista de Pontevedra presentando o seu libro El malestar es otra cosa. A entrevista naceu, porén, a partir da publicación Saldremos de esta. Guía de salud mental para el entorno de la persona en crisis, un libriño creado coa intención de ofrecer ferramentas e apoio ás persoas que acompañan a quen sofre. Trátase dun texto esperanzador que moitas utilizamos como “libro dispositivo” en situacións de malestar.

Javier fala da natureza irredutible e imprevisible do sufrimento, ideas que lle resultaron útiles para entender o vivido durante a DANA. Este episodio puxo en evidencia tanto o abandono institucional como a forza das respostas populares e comunitarias. Os “encontros de malestares”, promovidos despois da DANA, procuraron colectivizar o sufrimento, crear redes de apoio e facilitar o intercambio de experiencias.

Antes de escoitar a canción “v0l” de Llebra, Javier reflexiona sobre o papel do poder nas relacións de axuda: máis que eliminalo, cómpre asumir a responsabilidade sobre el, procurando relacións horizontais e evitando calquera abuso de autoridade.

Botádenos unha man compartindo este proxecto, que podedes escoitar en Ivoox, Spotify, Archive e Podgalego.

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209