CATEGORIA
Calendario 04/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 2: Historia

Liña marrón: 02 | HISTORIA (Citroën – As drogas)

No século XX Coia sufriu un acelerada transformación: das leiras aos bloques. A antiga parroquia labrega e mariñeira quedou case soterrada polo cemento e as torres de edificios. A escolla de Vigo como Zona Franca, coa chegada de empresas como Citroën en 1958, iniciou un proceso de industrialización que esixiu unha gran demanda de man de obra e de vivenda para milleiros de familias. Nos anos 80, o barrio afrontou cambios profundos coa reconversión industrial, o desemprego e o impacto da droga. A apertura en 1981 do hipermercado Alcampo, malia a oposición veciñal, converteuse nun símbolo da integración destes cambios na vida do barrio.

_2.1 Citroën: en 1959, o Plan de Estabilización franquista intentaba romper coa autarquía e abrir España ao liberalismo económico. Neste marco, os Polos de Desenvolvemento Industrial pretendían impulsar a industria en cidades de rexións economicamente atrasadas. Citroën desembarca en Vigo en 1958 (na Zona Franca en Montero Ríos), para posteriormente trasladarse ao actual emprazamento de Balaídos.

_2.2 Cocheiras da Bouza: a desaparición dos tranvías para dar pé á modernidade do transporte privado e do autobús (xunto co negocio de Vitrasa) deixou no barrio a súa pegada. Até os 90 na Bouza estaban as cocheiras do tranvía abandonadas, espazo que serviu de morada para familias xitanas que coa construción do parque foron desprazadas a terreos do Caramuxo.

_2.3 Plan Parcial 1963: nos anos 60, o réxime franquista abandona as prácticas autárquicas e comeza, en materia de vivenda, unha fase de desenvolvemento planificado orientado ás actividades privadas. Neste contexto, en xuño de 1963 apróbase en Madrid o Plan Parcial de Coia. En pouco tempo iniciaranse as expropiacións de leiras, planificacións de viarios, e comezarán a construírse os primeiros edificios, moitos deles vivendas de protección oficial.

_2.4 Construción do Alcampo: en novembro de 1981 abría as portas en Coia o primeiro hipermercado de Galiza, un proxecto executado malia a oposición veciñal e con irregularidades urbanísticas (ratificadas por sentenzas xudiciais) por mor do exceso no seu volume de edificabilidade. Na actualidade, el Híper está completamente integrado no día a día do barrio.

_2.5 Coia antiga: Coia foi unha parroquia máis do rural galego, con vocación agraria pero tamén mariñeira. Os habitantes de Castro-Castriño teñen a honra de ser os primeiros coianos; ademais, a documentación histórica fálanos dunha bailía templaria e temos indicios dun cemiterio medieval na contorna da igrexa de San Martiño de Coia. O Plan Parcial de 1963 mudou definitivamente a súa historia.

_2.6 As drogas: a década dos oitenta sacudiu Vigo coa reconversión industrial, consecuencia da entrada de España na Comunidade Económica Europea. Ás cifras dramáticas de desemprego uniuse a chegada da droga, que en barrios como Coia golpeou con dureza a unha xeración transformando dinámicas familiares e comunitarias.

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209