CATEGORIA
Calendario 06/12/2025
Xeral

#MapadeCoia Liña 4: Bares

Liña azul: 04 | BARES (Flunch – Serodio)

Os bares fan/son barrio. Alén da súa importancia na economía con nomes e apelidos, son espazos que ao mesmo tempo conectan e segregan aos habitantes da comunidade. Funcionan como templos pagáns da xente, lugares clave onde atoparnos, refuxios ao saír do “choio” e centros para argallar proxectos ou festexar a boa vida, case sempre con demasiado alcohol polo medio.

_4.1 Flunch: o Alcampo viu co Flunch, un formato novo onde ti te servías a comida (autoservizo lle chamaban). A rapazada ía pasar a tarde ou a estudar, e as familias a comer ou a celebrar os aniversarios da cativada co pallaso Popín. Levamos anos sen el, agora hai un tenda de deportes.

_4.2 Bar Javi: todo moi rico. Tortilla, empanadillas, bocata xamón asado… un referente na rúa Vilagarcía.

_4.3 Girasol: nos anos 80 e 90 era o lugar de referencia para o alumnado do Coia 4 que colgaba clase. Os xogos de cartas noventeiros deron paso, segundo as reseñas de Google, a un local onde degustar unha excelente tortilla.

_4.4 Bares do Centro Comercial 4: o cambio de modelo de consumo fixo que moitas tendas que estaban no Centro Comercial 4 deran paso a pequenos bares con amplas terrazas. Ambientes e clientela moi variada, podes tomar dende un café con croissant até unha cunca de viño e unha tapa de queixo.

_4.5 Bar Coia: amor eterno ao bar Coia. Futbolín, partida… deron paso a unha reforma que abriu o bar a un público máis transversal: agora xúntanse dende o neto até a avoa. Pillar sitio na terraza ao sol na hora do vermú é tarefa imposible.

_4.6 Serodio: os tolos anos 80: vendían tabaco e botellas de viño á cativada de 10 anos. Situado ao lado do Camiño da Vía, nas súas orixes moitos obreiros que traballaban na construción dos edificios da contorna tiñan alí a súa referencia á hora de comer. O local aínda existe, mais mudou de nome e xa non venden viño ás crianzas (cremos).

mapa de coia 4 bares

Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209