#MapadeCoia Liña 9: Arquitectura e urbanismo
Liña gris: 09 | ARQUITECTURA E URBANISMO (Vivendas tradicionais – Fábrica Ribas)
A arquitectura e o urbanismo de Coia falan das fondas transformacións vividas polo barrio ao longo do século XX. Dende a desaparición das súas vivendas tradicionais até a construción do Polígono de Coia, o territorio converteuse nun laboratorio onde conviven o racionalismo, a arquitectura social, os restos do mundo rural e propostas relixiosas e comunitarias de finais do século. Cada edificio conta unha parte desta historia: proxectos innovadores como o de Bar Boo, exemplos únicos de arquitectura industrial, pistas da Coia anterior ao polígono ou obras que acompañaron o crecemento da veciñanza. Esta liña busca entender como o urbanismo condicionou a nosa vida e como o barrio, ao tempo, foi facendo súa a arquitectura que hoxe o caracteriza.
_9.1 Vivendas tradicionais: a construción do Polígono de Coia arrasou coa maior parte da arquitectura tradicional, moitas veces mediante o uso da extorsión e a violencia. Na actualidade consérvanse espazos tradicionais que non desapareceron nese proceso. Vivendas unifamiliares con canastros en Esturáns, Barciela ou Pelaios sobreviven como vestixios do pasado.
_9.2 Parroquia Cristo da Vitoria: a principios dos anos 80 e deseñada polo arquitecto dominico Francisco Coello de Portugal (prolífico autor de obras relixiosas), constrúese o complexo parroquial do Cristo da Vitoria. Cun aspecto sobrio e sinxelo, o seu interior destaca polo uso de bloques de formigón sen ningún tratamento ornamental e o impresionante Cristo de madeira que preside o templo.
_9.3 Edificio Bar Boo: en 1969, o arquitecto Xosé Bar Boo proxecta a cooperativa San Xosé Obreiro. Neste edificio combinará diferentes materiais (pedra, formigón, vidro), buscando diversidade nas texturas e cores. Na fachada utilizará grandes placas de granito, elemento característico da súa obra arquitectónica.
_9.4 Planificación Pernas: a finais dos anos 60 a planificación do Polígono de Coia foi encargada a Desiderio Pernas, arquitecto vigués que entrara en contacto coa arquitectura racionalista grazas a unha beca no prestixioso Institute of Technology de Chicago. Pernas proxectou un eixo vertebrador da nova Coia (a avenida de Castelao), conformado por un gran vial para o tráfico rodado e un boulevard verde para os peóns.
_9.5 Bloques de edificios: a pesar de que a Caja de Ahorros Municipal de Vigo foi a principal promotora en Coia, posteriormente outras entidades —como o MOPU, diversas cooperativas ou empresas como Citroën, Barreras, Álvarez ou Vulcano— continuaron coa labor construtiva. Cada unha destas promocións resultaba facilmente identificable pola súa configuración e polas cores empregadas (os edificios de Citroën en cor salmón, os de Álvarez en azul, etc.). Ademais, adoitaban agrupar traballadores das propias empresas, polo que era frecuente atopar as mesmas persoas tanto na fábrica como no lugar de descanso.
_9.6 Fábrica Ribas: a mediados dos anos 30 Francisco Castro Represas proxecta a fábrica de conservas Ribas, no cruce entre Beiramar e a rúa Ánimas. É un dos escasos exemplos de arquitectura industrial racionalista que atopamos en Vigo. Na actualidade acolle á Sala Ártika.


Podcast, mellor falangullo, de entrevistas -e ás veces probamos con outros formatos- feito desde #CoiaIsNotVigo #36209

